Friday 29 de March de 2024

O Concello de Fene a delimita a fronte das praias para evitar a entrada de embarcacións nas zonas de baño


Río Sandeu e O Coído tamén contan con novos espazos de aparcamento

Cando zoa o Nordés, coma estes días, é moita a xente que busca o abrigo das praias de Fene para tomar o sol e bañarse nas augas sempre calmas do interior da ría, que ademais son dunha calidade sanitaria excelente. Iso tamén o saben as numerosas embarcacións que todos os veráns buscan o resgardo do Coído, Río Sandeu, Almieiras e Río Castro, en Limodre, procurando fondear o máis preto posible da beira. Porén, as calas fenesas son o grandes que son e a coincidencia de uns e outros ten creado máis dunha situación de conflito entre bañistas e navegantes, sen contar que a presenza de lanchas, iates e motos de auga cerca da ribeira pode crear situacións potencialmente perigosas para quen está na auga. Por esta razón o Concello de Fene decidiu este ano delimitar unha zona de seguridade para o baño que chega até os 70 metros mar adentro e que discorre ao longo de case un quilómetro de litoral.

Hai escasos días instalouse unha liña de balizas amarelas que se extende desde Río Sandeu ata a metade fenesa de Río Castro -a outra pertence a Cabanas-, variando en todo ese trazado a faixa de seguridade entre o mínimo de 50 metros e eses 70 de tope, que coinciden coa frontal dos areais.

Dentro de toda esa área, reservada exclusivamente para bañistas, están prohibidos todos os deportes náuticos e a navegación recreativa -windsurf, motos náuticas, veleiros, embarcacións de motor, etc-, aínda que no límite con Ares en Río Sandeu o Concello deixou unha canle que deberá ser utilizada obrigatoriamente -tal e como indica a normativa- “por todas as embarcacións ou artefactos flotantes, calquera que sexa o seu medio de propulsión” que saian ou se dirixan a terra por esa zona.

A entrada/saída teñen que facela sempre en perpendicular á costa e sen exceder os 3 nós de velocidade. Cómpre recordar que na canle de acceso non se pode fondear, nin tampouco está permitido bañarse aínda que non estea sendo utilizada por ningunha embarcación.

O balizamento de Río Sandeu, O Coído, Almieiras e parte de Río Castro, “era algo que moitas persoas usuarias das praias viña pedindo hai tempo e que ten toda a lóxica. Nos meses centrais do verán e nas fins de semana esta zona era unha loucura de embarcacións pequenas e medianas que en moitos casos tampouco respectaban a marxe de seguridade de 200 metros nin o límite de velocidade que marca a normativa. Incluso ten habido algún problema entre bañistas e tripulantes. Esa foi unha das razóns que nos levaron a segregar os espazos dándolle prioridade á seguridade de quen se está bañando ou nadando”, asegura a responsable do ramo, Sandra Permuy.

O equipamento de delimitación foi instalado pola empresa DivirTT, e supón un investimento de algo máis de 7.000 euros por temporada. Como paso previo, a empresa e o Concello coordinaron coa Capitanía Marítima de Ferrol o emprazamento das boias e a súa referenciación xeográfica para que a frontal das praias fenesas ata os 70 metros conste oficialmente como espazo reservado para o baño.

Novos aparcadoiros en Río Sandeu e no Coído
En relación co inicio da temporada estival, o departamento de Urbanismo, dirixido por Manuel Polo, e o de Obras, coordinado por Justo Ardá, tamén concluíron recentemente o acondicionamento de dúas áreas de aparcamento, unha duns 200 metros cadrados que se suma á xa existente en Río Sandeu, e outra de máis de 2.000 preto do acceso á praia do Coído. Esta última, que xa estaba planificada para o ano pasado, requiriu o movemento de terras e a extensión dun novo firme de pedra e area compactada.

Estímase que a nova área ten cabida para arredor dun cento de vehículos que, segundo o titular de Obras, “debería ser suficiente para que ningunha persoa usuaria da praia teña que deixar o coche á beira da estrada”. Ardá recorda que a execución dos dous aparcadoiros foi posible “gracias á colaboración dos propietarios que lle cederon os terreos ao Concello”.